Thursday 19 de September de 2024

O Concello licitará as obras de reurbanización dos Cantóns antes de finais de ano


Este xoves tivo lugar a sesión ordinaria do Pleno municipal, que deu luz verde á addenda necesaria para rubricar o convenio urbanístico de Pocomaco, o que permitirá regularizar a situación anómala do polígono tras medio século

O Concello obtivo dous millóns de euros en fondos europeos para executar o programa Éfeso, orientado á inserción laboral, e que se desenvolverá en barrios como Elviña, Labañou, Agra do Orzán e a Sagrada Familia, entre outros

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves a sesión ordinaria do Pleno municipal do Concello da Coruña, sesión que supuxo a volta á actividade da Corporación tras a parada estival do pasado mes de agosto.

O pleno comezou coas e cos integrantes da Corporación municipal gardando 16 minutos de silencio, como mostra de condena e rexeitamento ante os asasinatos machistas rexistrados a escala nacional desde a anterior sesión plenaria, no mes de xullo. Inés Rey lembrou que segundo os datos da Delegación do Goberno, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España foi de 34 no que vai deste ano 2024.

A rexedora insistiu en que “estes números seguen a ser insoportablemente elevados” e subliñou o compromiso do Concello da Coruña “para seguir loitando contra unha eiva que fai esta sociedade máis desigual e menos xusta”.

A fase cero da nova fachada marítima

Noutra orde de asuntos, e atendendo xa á parte resolutiva que figuraba na orde do día, este xoves aprobouse unha modificación do anexo de investimentos nos orzamentos do Concello para este 2024, unha medida que, tal e como avanzou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, permitirá licitar as obras de reurbanización dos Cantóns antes de que remate este ano.

““Esta obra será a fase cero da nova fachada marítima, apostando por espazos pensados para a cidadania, sendo a punta de lanza dun proxecto moi relevante para poder facer definitivo aquilo que comezou na pandemia, e que todos os cidadáns valoraron positivamente: incremento e mellora dos espazos peónís entre a Autoridade Portuaria e a praza de Mina”, indicou Lage.

Lage expuxo tamén que esta modificación non supón ningún incremento nos importes da financiación prevista, que é de 8 millóns. “O que se fai é un cambio de partidas no financiamento, ao dispor de crédito”, apuntou. “Non se incurre no incremento de débeda bancaria nin se pon en risco a viabilidade de ningún outro proxecto”, agregou o concelleiro.

Neste sentido, e tal e como se anunciou en xuño, cando se presentou o proxecto definitivo de remodelación da contorna dos Cantóns, entre Juana de Vega e a Autoridade Portuaria, o principal obxectivo desta actuación é adaptar os Cantóns á reducción do tráfico motorizado e ás condicións da Zona de Baixas Emisións, mellorando a continuidade peonil entre a rúa Real e a praza de Lugo e recuperando o vínculo e a proximidade ao Porto e aos xardíns de Méndez Núñez.

Por outra banda, o Goberno municipal aprobou os modificativos de crédito que permitirán apoiar ao Básquet Coruña na súa tempada na máxima categoría do baloncesto español (250.000 euros). Tamén se destinan 50.000 euros á Asociación de Clubes de Traineras para a organización de competicións na cidade e outros 10.000 euros para APEM para apoiar á entidade na xestión dos cabaliños de Méndez Núñez, entre outras cousas.

Avances no convenio para regularizar a situación do polígono de Pocomaco

Ademais, hoxe aprobouse inicialmente a addenda complementaria ao convenio urbanístico de execución para a regularización do viario, servizos e instalacións do polígono de Pocomaco. Este convenio é necesario para resolver unha situación anómala existente desde hai máis de cincuenta anos en Pocomaco, de titularidade privada.

A addenda, que recibiu o visto e prace inicial do Pleno este xoves, estipula un prazo de catro anos para que a Comunidade de Propietarios de Pocomaco execute obras para mellorar os accesos peonís e tamén na rede de iluminación do polígono, o que suporá un investimento de 1,6 millóns de euros para a Comunidade de Propietarios. Engádese a isto outra intervención, que poderá desenvolverse ao longo do prazo de duración do convenio, para regularizar o sistema de reixas salvacunetas e introducir técnicas de drenaxe sostibles, mellorando así a rede de saneamento para a recollida de augas residuais e pluviais.
O importe desta actuación, 1,9 millóns, tamén deberá sufragalo a Comunidade de Propietarios, mais o Concello ten previsto apoiar economicamente esta actuación, financiando ao 50% os custos de adaptación deste novo sistema, entre os exercicios 2026 e 2027, para favorecer a modernización das infraestruturas do polígono. A achega municipal estará próxima ao millón de euros.

Dous millóns en fondos europeos para mellorar a inserción laboral

Ademais, durante a sesión plenaria desta mañá, a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, anunciou que o Goberno de Inés Rey captou 2 millóns de euros en fondos europeos que permitirán, entre este ano e o 2027, a posta en marcha de programas de formación orientados a mellorar a inserción laboral das persoas participantes.

Así llo confirmou o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática ao Concello, que en decembro do ano pasado aprobou en Xunta de Goberno Local a participación no programa Éfeso, cofinanciado con axudas do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), e que, no caso específico da cidade da Coruña, contempla unha ampla programación de itinerarios formativos orientados a persoas en situación de desemprego de longa duración, a persoas maiores de 45 anos e, particularmente, a mulleres e, en xeral, persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade ou pobreza en termos socioeconómicos.

O Concello ten previsto que os programas se desenvolvan en tres ámbitos específicos da cidade: o triángulo que conforman a segunda fase de Elviña, Monelos e o Barrio das Flores, o vertebrado pola Agra do Orzán, Labañou e Os Rosales e, por outra banda, a Sagrada Familia e Os Mallos.
Cabanas apuntou que o proxecto presentado polo Concello da Coruña obtivo a mellor puntuación de entre todas as institucións municipais e provinciais que, na súa categoría —eran un total de vinte—, se postularon á captar fondos do proxecto Éfeso.

Deja un comentario